Burela celebra as Letras Galegas cunha programación que une literatura, tradición, música e maxia ata o 19 de maio

O Concello de Burela celebrará o Día das Letras Galegas cunha programación cultural que inclúe literatura, tradición, música, maxia, teatro e actividades “participativas para todos os públicos, co obxectivo de poñer en valor a lingua galega e achegar a cultura á veciñanza dun xeito atractivo e diverso”. Desenvolverase ata o día 19 de maio.

Tamén anuncia que “unha das iniciativas destacadas será a intervención artística nalgúns pasos de peóns da vila, na que a Aula Medioambiental Gaia, persoal municipal da área de Obras e diferentes colectivos locais, coa colaboración da Biblioteca Pública Municipal, pintarán versos de autoras e autores homenaxeados ao longo da historia do Día das Letras Galegas. Segundo explicou a concelleira de Cultura, Lina Gómez, “esta acción é unha maneira moi bonita de facer visible a nosa literatura no día a día. Cada vez que alguén cruce por eses pasos poderá atoparse cun verso e lembrar que a nosa lingua e a nosa cultura están presentes na vida cotiá”. 

O sábado 16 de maio celebrarase o XVI Encontro de Palilleiras de Burela. A concelleira sinalou que se trata “dunha cita consolidada que cada ano reúne centos de participantes e visitantes, converténdose nun referente da tradición artesá e da convivencia”.  Ese mesmo día, ás 20.00 horas, a Casa da Cultura acollerá o Concerto Especial das Letras Galegas da Coral Polifónica de Burela, coa participación do Coro Fingoi e da Rondalla de Cariño.

O domingo 17 a praza do Concello recibirá ao Mago Antón e o seu Magomóbil, que ofrecerá funcións ás 13.00, 17.00, 18.30, 20.00 e 21.30 horas. Unha actividade patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. 

Pechará a programación a presentación do libro Bóreas, do escritor mariñao Paco Rivas, nun acto no que participará Bernardo Penabade, que terá lugar o martes 19 de maio, ás 19.30 horas na Casa da Cultura.

Lina Gómez subliñou que “esta programación combina tradición, literatura, música e espectáculos para demostrar que o galego é unha lingua viva, creativa e plenamente actual”. A edil destaca que “o obxectivo é que a celebración das Letras Galegas chegue a toda a veciñanza e se converta nun espazo compartido de encontro coa nosa cultura” e animou a toda a veciñanza a participar.

No marco da celebración do Día das Letras Galegas, a Delegación de Cultura, a través da Biblioteca Pública Municipal, organizou a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2026, baixo o lema Medrar lendo. Os traballos premiados, elixidos por un xurado, representarán a Burela na fase provincial convocada pola Biblioteca Nodal de Lugo.

Na modalidade de narración, na categoría A, o primeiro premio foi para Naia Fontenla Suárez e o segundo para David Otero Casas, ambos do CEIP Vista Alegre. Na categoría B, foron premiadas Érika Arenas Fernández, Sabela Braña Morán e Malak Amajoud Ait Ouazgour, tamén alumnado do CEIP Vista Alegre. Na categoría C, os galardóns foron para Efrén Maragoto Díaz, do IES Monte Castelo, e para Izan Jarel Roncero e Adrián Balseiro Otero, do CEIP Vista Alegre.

Na modalidade de debuxo infantil, na categoría A foron premiadas Naia Fontenla Suárez, Erea Fontenla Suárez e Luz Gonçalves Santoré, alumnas do CEIP Vista Alegre e do CEIP Os Castros. Na categoría B, os premios foron para Sara López Pena, Elisa Deán Dorregidor e Nuria García Hermida. Na categoría C, as gañadoras foron Leire Mate Ares, do IES Monte Castelo, e Lea Fraga Pérez e Suhaila Montoya Suárez, do CEIP Os Castros.

Dende a Delegación Municipal de Cultura e a Biblioteca Pública Municipal agradeceron a participación de todos os nenos e nenas no certame e trasladan os seus parabéns a todas as persoas participantes.