A Chocolateira celebra esta fin de semana, días 13 e 14 de xuño, na Pontenova a novena edición da súa foliada

A Praza dos Fornos da Pontenova acollerá esta fin de semana, sábado 13 e domingo 14 de xuño, a novena edición da Foliada A Chocolateira, organizada pola Asociación Musical A Chocolateira coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello da Pontenova.

O deputado de Mocidade, Daniel García, achegouse á Pontenova, onde recoñeceu e agradeceu o traballo das organizadoras do evento, que ultiman os preparativos para unha fin de semana festiva arredor da música tradicional.

A Praza dos Fornos encherase de actividade con actuacións musicais de A Chocolateira, Foliada de Bosente e Comando Curuxás, xogos tradicionais da man de Xotramu e Troitas Bravas, un obradoiro de baile con Marina Rancaño, un espectáculo de circo e clown con MeRE-CIDAMENTE ou un obradoiro de creación de chapas, distribuídos ao longo de toda a xornada do sábado. Ademais, varios artesáns e artesás da zona instalarán postos de venda dos seus produtos.

Daniel García valorou a actividade da Chocalateira como “unha mostra da importancia que o tecido asociativo tivo e ten na transmisión e na promoción da música tradicional” e mostrou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo “a estes eventos que reflexan a diversidade e riqueza deste patrimonio ao longo do territorio, neste caso, fondamente conectado co Occidente asturiano”

O programa culminará o domingo coa proxección da película documental A cantinera (Os Alonso de Miudes), dirixida por Abel Pérez Méndez, que recolle a historia da música tradicional no Occidente asturiano a partir da traxectoria dos Alonso, “unha saga familiar fundamental na transmisión na conservación e transmisión da tradición musical da zona”, remata a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.