
O Concello de Xove, a través da Concellería de Turismo e Medio Ambiente, presenta o cartel das rutas guiadas que se levarán a cabo durante este verán co obxectivo de dar a coñecer a riqueza natural, xeolóxica, histórica e patrimonial do municipio. A iniciativa, organizada en colaboración coa empresa Rutas Galicia Norte, inclúe catro percorridos gratuítos que “permitirán aos participantes descubrir algúns dos espazos máis singulares de Xove dende unha perspectiva divulgativa e sostible”.
O programa desenvolverase entre os meses de xullo e agosto e inclúe as seguintes rutas: 16 de xullo, Ruta dos Muíños da A Rigueira; 30 de xullo, Os Acantilados de Papel, costa con narrativa; 7 de agosto, San Tirso de Portocelo, un enclave único; e 21 de agosto, Esteiro de Xove, unha xeoloxía singular.
O Concello de Xove destaca que “ao longo destes catro itinerarios os participantes poderán descubrir antigos muíños, acantilados de gran valor paisaxístico, praias, miradoiros, patrimonio arqueolóxico e a singular xeoloxía da costa xovense, ademais de coñecer espazos tan especiais como a coñecida ruta das fadas”.
Ademais explica que “todas as rutas comezarán ás 10:00 horas, terán unha duración aproximada de entre tres e tres horas e media e presentan un nivel de dificultade baixo ou medio, polo que están pensadas para un amplo abano de participantes. A actividade é totalmente gratuíta, aínda que será necesaria a inscrición previa debido ao número limitado de prazas. As persoas interesadas poden formalizar a súa participación a través do correo electrónico rutasgalicianorte@gmail.com”.
Con esta iniciativa o Concello de Xove “continúa apostando pola promoción dun turismo sostible e de calidade, poñendo en valor o patrimonio natural e cultural do municipio e fomentando o coñecemento e respecto pola contorna entre veciñanza e visitantes”.
Dende a Concellería de Turismo e Medio Ambiente anímase a toda a cidadanía e ás persoas que visiten Xove durante os meses de verán a participar nestas rutas e “descubrir o municipio dende unha nova perspectiva, combinando natureza, historia, patrimonio e divulgación ambiental”.


