O festival Bal y Gay regresa a Burela cun concerto do tenor Santiago Ballerini e a soprano Berna Perles o 14 de agosto

O Concello de Burela colabora un ano máis co Festival Bal y Gay para achegar ao municipio unha nova cita coa música clásica. O venres 14 de agosto ás 20.30 horas o Auditorio da Casa da Cultura acollerá un concerto da man do tenor Santiago Ballerini, a soprano Berna Perles e o pianista Javier Carmena.

O programa estará dividido en dúas partes: a primeira reunirá unha selección de pezas de Mozart, Donizetti, Verdi e Puccini, coas obras Idomeneo, Le nozze di Figaro, Don Giovanni, L'elisir d'amore, La forza del destino e La bohème.

Na segunda parte interpretaranse pezas de Amadeo Vives, Pablo Sorozábal, Manuel Fernández Caballero, Javier Carmena e Federico Moreno Torroba, con fragmentos de Doña Francisquita, La del manojo de rosas, El dúo de la Africana, El orgullo de quererte e Luisa Fernanda.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, salientou a satisfacción do Concello por colaborar co Festival Bal y Gay, “un festival de enorme calidade que nos brinda a oportunidade de achegar a Burela a grandeza e a beleza da música clásica", afirmou. Gómez engadiu que "para nós é unha satisfacción formar parte, un ano máis, dunha cita cultural tan especial na Mariña".

A entradas, cun prezo de entre 17 e 21 euros, xa están dispoñibles na web oficial do festival festivalbalygay.com.