
A XIV Festa Normanda de Foz, que se celebrará desde o día 27 ata o 30 de agosto, foi presentada este xoves.
A deputada provincial de Cultura Iria Castro participou na presentación do cartel, obra de Diego Núñez. “A imaxe do deseñador focense, que se articula arredor das formas do báculo do bispo Gonzalo e da proa dunha embarcación de guerra normanda (drakkar), promocionará esta festa de recreación histórica na que se escenifica a resistencia da poboación local, encabeza polo bispo Gonzalo, ás invasións normandas”, explica a Vicepresidencia da Deputación.
Iria Castro valorou a Festa Normanda de Foz como “unha celebración do patrimonio inmaterial, un legado que temos que seguir conservando para as seguintes xeracións porque construíron a nosa identidade, a que recrea a lenda do bispo Gonzalo, un relato entre a historia e a imaxinación que se transmitiu de xeración en xeración e que é parte do imaxinario colectivo. Na sociedade contemporánea a transmisión dese patrimonio ten que darse a través de novos códigos, pero é importante que a cadea se manteña porque son relatos que conforman a nosa identidade”. Nese senso destacou “a iniciativa de contar cun creador local para o deseño do cartel” e puxo en relevo “o traballo da Asociación Desembarco Normando e das persoas que traballan na organización deste evento para que a finais de agosto todas e todos poidamos disfrutar dela”.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 6.000 euros á organización da Festa Normanda, que este ano incorpora a súa axenda a primeira Festa da Bígara.
E o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, tamén participou na presentación da XIV Festa Normanda de Foz que conta co apoio da Administración autonómica.
Villares subliñou a relevancia turística e cultural desta cita, que “é unha forma lúdica de poñer en valor a historia, o patrimonio e a identidade que herdamos, así como unha experiencia participativa que xera dinamismo económico para o comercio e a hostalería local”.
A Xunta de Galicia explica que “o evento rememora as incursións viquingas na costa e a resistencia do pobo mariñán. A recreación deste episodio na mañá do sábado é a actividade central dunha programación que ofrece tamén mercado medieval, espectáculos, xogos e música nas rúas da localidade. Este ano cobra tamén especial peso a gastronomía, coa celebración da Festa da Bígara no marco das accións do festexo”.


