As XXI Xornadas Mar por Medio terán lugar en Ribadeo os días 10 e 11 de outubro

A Academia Xacobea presentou nunha rolda de prensa celebrada no Concello de Ribadeo a XXI edición das Xornadas Mar por Medio – Comunicación e proxección dos valores xacobeos, que se celebrarán os días 10 e 11 de outubro.

Na presentación participaron o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega; o presidente da Academia Xacobea, Marcelino Agís Villaverde; a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; o presidente de honra da Academia Xacobea, Xesús Palmou; a secretaria xeral da Academia, Milagros Otero; e a concelleira de Cultura de Ribadeo, Begoña Sanjurjo.

Na presentación anunciouse tamén a sesión solemne da Academia na que tomarán posesión como académicos John Rutherford, como académico de honra, e Manuel Valín, como académico correspondente.

Marcelino Agís, presidente da Academia Xacobea, destacou un dos aspectos fundamentais do programa das xornadas: a necesidade de dar a coñecer o fenómeno xacobeo e o patrimonio aparellado: “os valores xacobeos”, dixo, “conforman a identidade da nosa cultura europea, pero eses valores hai que comunicalos e proxectalos”. Unha mesa con xornalistas e responsables de medios de toda Galicia achegará luz a esta cuestión. Agís destacou tamén que en Mar por Medio tomarán a palabra “representantes de asociacións xacobeas de Galicia, Asturias e Cantabria”, e que a conferencia de peche a pronunciará o ex reitor da Universidade de Santiago e ex director da Real Academia Española Darío Villanueva. Ademais, xa o domingo, ingresarán na Academia Manuel Valín (como académico correspondente) e John Rutherford, o impulsor das primeiras edicións deste ciclo, alá polos anos noventa.

O presidente agradeceu “o apoio continuado do anfitrión, o Concello de Ribadeo, nesta iniciativa”, e animou “aos profesores e estudantado máis novo a asistir para coñecer un patrimonio do que deben estar orgullosos”.

Pola súa banda, Rosa Crujeiras, reitora da USC, sinalou que “Mar por Medio dá a Universidade a oportunidade de deslocalizar as actividades nas que colabora. Somos a Universidade de Santiago, pero tamén a Universidade de Galicia. Os valores do Camiño son os da USC”.

Daniel Vega mostrouse “satisfeito polo crecemento destas xornadas, cuxa recuperación hai un lustro por parte da Academia Xacobea partiu dun encontro no Parlamento de Galicia co entón presidente da entidade, Xesús Palmou. O Camiño Norte atravesa Ribadeo e moitas veces esquecemos que é Patrimonio da Humanidade, cando é algo que debemos reivindicar”.

As xornadas desenvolveranse o sábado 10 de outubro na Casa do Concello de Ribadeo, coa conferencia de Ricardo Polín, académico correspondente da Academia, e con dúas mesas redondas: unha sobre comunicación e os Camiños de Santiago e outra sobre os valores do Camiño, coa participación de asociacións de amigos do Camiño de varios territorios. A xornada do sábado pecharase coa conferencia de Darío Villanueva, catedrático emérito da USC e exdirector da Real Academia Española, e cun concerto da Coral Polifónica de Ribadeo. O domingo 11 de outubro, no Auditorio de Ribadeo, celebrarase a sesión solemne de ingreso dos novos académicos, John Rutherford e Manuel Valín.

A participación nas Xornadas pode formalizarse na web www.academiaxacobea.gal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 7 de outubro.