No Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación participan grupos de Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Burela, Foz, Cervo e Ourol

A Vicepresidencia da Deputación puxo en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro Afeccionado, que levará ás comarcas da provincia preto de cen representacións teatrais. Nesta edición, o programa contará con 32 grupos de teatro amador -once deles da Mariña-, con pezas de distintos xéneros e para diversos públicos. A área de Cultura mantén, así, “o apoio ás artes escénicas e ofrece ás asociacións e aos concellos a posibilidade de ampliar as súas axendas culturais”.

A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, expresou a súa satisfacción por “organizar un ano máis este Circuíto, que leva 18 anos tecendo unha rede de compañías de teatro afeccionado que foi medrando e consolidándose, espallando o teatro por todo o territorio”.

As 32 compañías participantes no Circuíto de Teatro Afeccionado 2026 proveñen de 19 concellos de toda a provincia: A Adala (Foz), A Caxiga (As Nogais), A Mariña (Cervo), Alentía Teatro (Palas de Rei), Ardora (Cervo), Argalleiras (Chantada), Aturuxeiros de Bravos (Ourol), Borguete Teatro (Vilalba), Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros), Falcatrueiros (Monterroso), Faranduleiros de Bolmente Teatro (Sober), Faro Miño (Chantada), Grupo de Teatro de Antas de Ulla (Antas de Ulla), Grupo de Teatro do HULA (Lugo), Grupo de Teatro Viraventos (Monforte), Grupo Humorístico Trípode (Alfoz), Improdutivas (Lugo), Lume Escénico (A Pontenova), Metátese Teatro (Palas de Rei), Nova Escena (Lugo), O Centiño (Foz), O Torques (Burela), Os Baluros (Castro de Rei), Os Palimoquiños e Cía (Lugo), Os Pícaros de Lagoa (Alfoz), Os Trocos (Castro de Rei), Ousadías (Lugo), Parápono Teatro (Lugo), Pico do Castro (Foz), Rebuldeira Teatro (Sarria), Teatreiras (Monforte) e Xa ta (A Pastoriza).