San Román de Vilaestrofe, en Cervo, celebra as súas festas do Pilar e do Carme os días 11 e 12 de outubro

A parroquia de San Román de Vilaestrofe celebrará os vindeiros días 11 e 12 de outubro, domingo e luns, as súas festas na honra á Virxe do Pilar e á Virxe do Carme, cun programa que “combina tradición, actos relixiosos e música para desfrutar destas xornadas festivas”, anuncia o Concello de Cervo.

O programa foi presentado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias; e representantes da comisión organizadora, a Comunidade de Montes de Vilaestrofe.

As celebracións arrancarán o domingo, 11 de outubro, ás 13:00 horas, cunha misa solemne na honra á Virxe do Carme, cantada polo Coro Parroquial de Cervo. A continuación terá lugar a sesión vermú co grupo Fénix. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas o Pavillón de Deportes de San Román de Vilaestrofe acollerá unha verbena amenizada polo grupo Fénix e a orquestra Saudade.

O luns 12 de outubro, festividade da Virxe do Pilar, volverá celebrarse ás 13:00 horas a misa solemne, tamén cantada polo Coro Parroquial de Cervo. A continuación o dúo Belinda será o encargado de amenizar a sesión vermú.

A alcaldesa de Cervo destacou “a importancia de seguir apoiando e poñendo en valor as festas das nosas parroquias, que forman parte da nosa identidade e son momentos para reencontrarnos, compartir e desfrutar xuntos”. Neste sentido, agradeceu “o traballo e a implicación da Comunidade de Montes de Vilaestrofe e da comisión organizadora, así como de todas as persoas que colaboran para facer posible estas celebracións”.

Desde o Concello de Cervo animan “a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten a achegarse a San Román, participar nas actividades programadas e desfrutar destas xornadas festivas”.

“Agardamos que sexan unhas festas moi participativas e que a veciñanza se anime a saír, celebrar e gozar da música e da compañía”, sinalou a rexedora.