O quinto festival Breason celébrase en Mondoñedo este sábado, 7 de novembro

A Xunta de Galicia e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncian que colaboran coa quinta edición do Festival Breason, de Mondoñedo, que se celebra este sábado, 7 de novembro, impulsado pola asociación Xoldra.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou na presentación da nova edición xunto con membros da organización e representantes do Concello. A proposta de música en directo compleméntase cun amplo programa de actividades pensadas para todos os públicos.

A Praza da Catedral será o escenario das actuacións e concertos, que comezarán ás  13,30 horas con Familia Caamagno seguida da Duendeneta; e continuarán pola noite – a partir das 21,00 horas - con  Mercedes Peón, ünder & Diego Flâneur, Las Petunias e Sedientos de Cumbia.  

Ademais, a Praza do Concello acollerá ás 18,30 un magosto e foliada, que estarán animados por Meniñ@s da Mariña, Os Carricantos e un espectáculo de maxia de Aris Villarino. Ao longo da xornada haberá outras actividades complementarias, como catas e degustacións gastronómicas, roteiros e obradoiros de serigrafía e olaría no barrio dos Muíños.

Villares explicou que a Xunta apoia a programación a través da convocatoria de axudas do programa O Teu Xacobeo 2026, que busca implicar a toda a sociedade galega na promoción de actividades de dinamización vinculadas ao Camiño de Santiago, con protagonistas locais e repartidas por todo o territorio.

E o deputado provincial de Mocidade, Daniel García, “participou este mércores na presentación do Festival BreaSon, organizado pola Asociación Xuvenil Xoldra, que chegará á súa quinta edición o sábado 7 de novembro”, anuncia a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que engade: “o BreaSon volve apostar pola música galega con bandas como Ünder & Diego Flâneur, Familia Caamagno, Mercedes Peón ou La Duendeneta Dilleis; incluíndo tamén outras propostas como as madrileñas Las Petunias ou o grupo navarro Sedientos de Cumbia. Pola tarde, durante o magosto popular, actuarán os grupos tradicionais mindonienses Os Carricantos e Meniñ@s da Mariña”.

Daniel García sinalou que “xa é unha cita consolidada no outono mariñán, demostrando o gran traballo que fai a xente moza de Mondoñedo e a Asociación Xuvenil Xoldra unindo tradición e novas propostas, e apostando, tamén, por unha programación paralela que pon en valor a cultura, a historia e os produtos galegos”.

A Vicepresidencia da Deputación explica ademais que “o programa inclúe un bo número de actividades paralelas, que darán comezo o venres 6 de novembro coa proxección do documental 360 Curvas e a apertura dunha exposición de ilustracións de artistas galegas no Casino de Mondoñedo. O sábado, no marco do programa de promoción de produtos de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto, da Vicepresidencia da Deputación, e coa colaboración de Asoporcel, organizarase unha maridaxe de cervexa e produtos de porco celta. Tamén haberá dúas convocatorias do roteiro Mondoñedo e a súa xente, unha cata de cafés de especialidade, e un taller de serigrafía e olaría”.

A entrada é libre e gratuíta. Haberá unha carpa cuberta para os concertos e habilitarase unha zona de acampada interior na área deportiva Viñas da Veiga.