
O Concello de Xove, a través da súa Concellería de Medio Ambiente, dá a coñecer o fallo do XII Concurso de Fotografía Medioambiental Xove, a súa costa e o seu mar, unha iniciativa que ten como obxectivo “promover a sensibilización ambiental e poñer en valor a riqueza paisaxística, natural e mariñeira do municipio a través da fotografía”. O acto de entrega dos premios terá lugar o vindeiro martes, día 17 de novembro, ás 20:00 horas na Casa do Concello de Xove, onde se realizará o recoñecemento público ás persoas gañadoras.
Nesta duodécima edición, o xurado seleccionou as cinco fotografías premiadas, que recibirán os seguintes galardóns: primeiro premio, dotado con 120 euros, para David Mariño Bouza pola obra Entre as rocas de Morás; segundo premio, dotado con 100 euros, Miguel Díaz Gallego, pola obra Noche Fugaz; terceiro premio, dotado con 90 euros, Diego Pérez Fernández, pola obra Astro Rey sobre Roncadoira; cuarto premio, dotado con 75 euros, Alberto Rapa Martínez, pola obra Guía Polar; e quinto premio, dotado con 65 euros, Mateo Guerreiro Rodríguez, pola obra Remata o eclipse e comeza a xornada.
O Concello de Xove felicita a todos os premiados e agradece a participación de todas as persoas que tomaron parte nesta nova edición, “contribuíndo, coas súas fotografías, a mostrar e divulgar a beleza e o valor ambiental da costa, do mar e das paisaxes de Xove. Con iniciativas como esta, o Concello continúa apostando pola educación ambiental, a participación cidadá e a promoción do patrimonio natural do municipio”.


