Burela conta cunha ruta circular de sendeirismo de máis de 16 quilómetros. Percorre praias, paseos, zonas xeolóxicas e tamén o Monte Castelo.

O Concello de Burela ven de poñer en marcha unha ruta circular de sendeirismo. Ten unha lonxitude de máis de 16 quilómetros e percorre as praias, os paseos marítimos, as zonas xeolóxicas e o Monte Castelo, entre outras localizacións. O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, salienta que é unha nova aposta pola atracción de turismo. O investimento ascendeu a 8.000 euros.

Fernández Rey anunciou que “imos inaugurar a nova sinalización dunha ruta circular que Pasada das Cabras, que é unha asociación de sendeirismo de Burela, nos tiña solicitada fai tempo. Puxémonos a traballar na delimitación deste espazo e despois de conseguir todos os permisos, que nos levou o seu tempo, hoxe xa podemos dicir que é unha realidade a sinalización desta ruta”.

O edil burelés explicou que “é unha ruta circular por todo o concello de Burela, que ten unha lonxitude de máis de 16 quilómetros, e pasa por zonas de interese paisaxístico, histórico e arquitectónico do pobo. Eu penso que vai ser unha ruta que atraia turismo, que é o que se pretende, xa que pasa por todas as praias do concello, polos paseos marítimos, polas zonas xeolóxicas e polo miradoiro do Monte Castelo, que ten unhas vistas espectaculares”.

O concelleiro de Turismo declarou que “é un tema no que levamos traballando xa tempo. Despois de conseguir todos os permisos, agora xa é unha realidade. Dicir que é unha obra que roldou os 8.000 euros de presuposto e tivemos unha subvención de Turismo de Galicia. No Concello de Burela seguimos traballando no turismo que para nós é moi importante. Estamos vendo como cada ano sube o número de visitantes, e vai ser un atractivo máis para a nosa vila. Estou segurísimo de que a xente que faga esta ruta vai quedar encantada con todo o que hai que ver en Burela e coas vistas, sobre todo, desde o Monte Castelo que son realmente espectaculares”.

Pola súa banda, o alcalde burelés, Alfredo Llano, manifestou que “se rematou xa a obra da ruta circular de sendeirismo que se fixo en Burela con fondos da Xunta de Galicia e do Concello. É unha ruta que viña sendo moi demandada pola asociación de sendeirismo Pasada das Cabras para facer a sinalización e darlle importancia a este tipo de deporte como é o sendeirismo. Desde o Concello de Burela estamos apostando polo deporte e polo turismo en todos os aspectos e tamén polo sendeirismo”.

Para o rexedor: “é un condicionante moi bonito para que sexa visitado Burela, ao mesmo tempo que se pasea tamén se descobren os atractivos que ten este concello. Esta ruta, que está perfectamente sinalizada, é moi bonita dado que discorre polos paseos marítimos, polo Monte Castelo e polas praias. Abarca todo o círculo de Burela e dá lugar a ter unha idea clarísima de cómo é o concello de Burela, ten unhas vistas espectaculares. Quero animar á toda a xente que xa se pode circular por esta ruta, ten paneis informativos e a sinalización por onde hai que ir, polo tanto soamente hai que calzar ben as botas e poñerse a elo”.