O Concello de Cervo acolleu a presentación da XII Semana da Prevención de Incendios, promovida en colaboración coa Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB); coa colaboración tamén de Alcoa San Ciprián.
No acto interviron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, o coordinador de actividades de prevención e seguridade vial de Fundación MAPFRE, Antonio García, o Vicepresidente da APTB, Carlos García Touriñán e o coordinador de seguridade de Alcoa San Ciprián José David Murias; tamén contou coa presencia do responsable do G.E.S. de Cervo, Mario Antuña.
A actividade terá lugar os días 10, 11 e 12 de xaneiro no Pavillón da Veiga, e está aberta a todos os veciños e visitantes que desexen participar, pero, tal e como apuntou o rexedor, Alfonso Villares, fundamentalmente quixemos dirixila aos máis novos “de tal xeito que convidamos a todos os centros educativos da Mariña a participar, e, a día de hoxe, xa contamos coa confirmación de máis de 800 rapaces. O obxectivo –engadiu- “é transmitir á poboación coñecementos de autoprotección, que aprendamos a recoñecer o risco de incendio na nosa contorna, na nosa vida cotiá; nos fogares, nos centros de traballo ou nos lugares de ocio”.
A inauguración destas xornadas didácticas terá lugar o mércores, 10 de xaneiro, ás 10:00 da mañá; e alí no Pavillón da Veiga haberá instalada unha casiña de fume (unha estrutura inchable, duns 400 metros cadrados de superficie, que se enche de fume inocuo –xerado por xeo- para explicar aos menores como realizar unha evacuación en caso de incendio), daranse charlas, consellos pedagóxicos para a prevención de incendios en idade infantil, talleres de primeiros auxilios, recomendacións a seguir en caso de incendio, haberá exposición de medios de extinción, visualización de simulacros, charlas de autoprotección escolar e entregarase material didáctico aos nenos (uns 4000 manuais de prevención adaptados ao máis novos); entre outras actividades.
O rexedor agradeceu aos responsables da distintas entidades promotoras da Semana da Prevención que Cervo sexa un dos municipios elixidos para desenvolver esta actividade que en Galicia estivo só en cidades como a A Coruña e Lugo.
Pola súa banda o responsable da Fundación MAPFRE, Antonio García, destacou o éxito da actividade, implantanda xa en 10 países, fundamentalmente en latinoamérica; e que percorreu máis de 30 cidades españolas facendo referencia “a la necesidad de seguir formando y concienciando a la sociedad, insistiendo en la importancia de extremar las precauciones con estufas y braseros, velas, cableado defectuoso, mantas eléctricas o enchufes sobrecargados, principales causas de incendio en la vivienda, que se suman a los descuidos de los fumadores”.
Pola súa banda o Vicepresidente da APTB, García Touriñán apuntou que “el mejor incendio es aquel que no hay que apagarlo porque lo hemos trabajado mucho antes y la prevención tiene un papel fundamental; espero que Cervo siga estando ahí puntero porque esto quiere decir que su servicio de emergencias es potente en la zona y está ahí luchando por la prevención, y que el Ayuntamiento está apostando por sus ciudadanos en materia de seguridad”.
Os presentes sinalaron que no ano 2016, foron 175 as persoas falecidas por incendio, 133 delas no seu fogar. Apuntaron, así mesmo que o ano pasado incrementouse nun 21% o número de vítimas mortais por incendios nas súas casas, a maioría delas eran persoas maiores de 65 anos, que vivían soas; “polo que é fundamental seguir a incidir na prevención”.