
Desde este xoves e ata o día 20 de abril está aberta a inscrición para participar nunha nova edición de Orienta Ribadeo, a proba de aventura urbana que terá lugar o 26 deste mes a partir das 11 da mañá.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explica que “se trata dunha proba por equipos onde os participantes deberán percorrer a pé unha distancia variable, por terreo urbano principalmente, tentado localizar unha serie de puntos de control ou balizas e superando diversos retos. Durante un tempo máximo de dúas horas os equipos deberán acadar o maior número posible de puntos. A toma de decisións e o traballo en equipo serán claves para completar a proba con éxito, que terá como punto de inicio e final a praza de España, a carón do Casa do Concello”.
O edil ribadense engadiu: “establécense dúas categorías: infantil e adultos. Na infantil ten que haber polo menos unha persoa do equipo menor de 12 anos; e na de adultos todos os seus integrantes deben ser maiores de 12 anos. Os equipos deberán estar formados por un mínimo de dúas persoas e ata un máximo de seis”.
As inscricións poden facerse na Casa da Xuventude de Ribadeo. O concelleiro de Deportes anima “ás familias a participar nunha mañá de domingo diferente e divertida, facendo estratexias, tomando decisións e traballando en equipo”.
Orienta Ribadeo está organizada polo Concello e pola Xunta de Galicia.


