
Foz vive a aventura da volta ao cole do 31 de agosto ao 20 de setembro. Na cita participan 86 negocios locais. Acia Foz-CCA sorteará un pack de aventura familiar e 400 euros en vales de compra na campaña da Volta ao Cole.
Na presentación da campaña participaron o director xeral de Comercio da Xunta, Gabriel Alén, o presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, o alcalde, Fran Cajoto, e Pura García, directiva da asociación focense.
Paleo explicou que “aquelas persoas que realicen as súas compras no CCA de Foz por un importe superior aos dez euros participarán no sorteo dun pack de aventura familiar e 400 euros en vales de compra. Serán 4 premios de 100 euros cada un. O sorteo terá lugar en Radio Foz o 21 de setembro”. Acia Foz-CCA reparte para esta campaña 35.000 papeletas entre os establecementos participantes.
O presidente de Acia Foz-CCA dixo tamén: “deste xeito queremos premiar unha vez máis á fiel clientela do comercio de Foz, que para a volta ao cole aposta polos negocios locais. Nas librarías, nas tendas de deportes, nas de moda, nas de calzado… atoparán todo o que precisan para a chegada do outono e para o inicio do novo curso escolar. Mercando en Foz seguimos facendo pobo e ademais podemos levar un premio de 100 euros e gozar dun pack de aventura familiar. Toda axuda para a volta ao cole sempre é ben recibida en todos os fogares”.
AciaFozCCA conta para esta campaña coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e Concello de Foz.


