
Alfoz acollerá os días 4 e 5 de xullo, venres e sábado, dúas funcións do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, que se celebra en 25 sedes galegas. Son en galego e para público adulto.
Este venres, día 4 de xullo, ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Alfoz Dani Blanco & Zé Pomar presentan Contos de revolución. De Brassens a Neira Vilas. “Un espectáculo de narración e música no que unha simple bolboreta pode desencadear unha revolución. Dende a memoria de Neira Vilas ata os ecos de Brassens, viaxaremos por París, Berlín ou Bos Aires nun relato poderoso e emocionante sobre a forza da palabra e a música”, explica o Concello de Alfoz.
E o sábado 5, tamén ás 21:00 horas na Casa da Cultura Carmen Conde trae O que non estaba escrito. “Carmen leva dúas décadas recollendo historias de vida por toda Galicia. Nesta sesión íntima e poderosa, devolve ao presente relatos que non estaban nos libros, pero si na memoria da xente. Historias reais e imaxinadas, contadas cun estilo único, que nos levan da vida máis cotiá ao absurdo máis marabilloso. Un espectáculo que mestura verdade, invención e moita emoción”, anuncia o Concello de Alfoz.