Barreiros prepara o mercadiño de primavera para o domingo 17 de maio

O Concello de Barreiros anuncia que organiza para o domingo 17 de maio un dos seus mercadiños estacionais, que “son sempre un éxito de xuntanza e participación”. Nesta ocasión o mercadiño de primavera coincidirá co Día das Letras Galegas e haberá actividades para festexalo.

O mercadiño, como xa é habitual, celebrarase baixo carpa na Praza do Concello en horario de 11 a 20 horas e contará coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O Concello de Barreiros leva organizando este tipo de mercadiños desde o ano 2022 e segundo Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros: “buscábamos dinamizar o pobo despois da pandemia, que a veciñanza das distintas parroquias tivese unha escusa onde xuntarse e poder descubrir e mercar produtos de proximidade completando a xornada con distintas propostas nas que poder participar. E con esa premisa levamos organizando xa once mercadiños nestes últimos catro anos.”

O cartel coas actividades detalladas “presentarase os vindeiros días, pero non faltará a música en directo, degustacións, talleres primaverais e actividades para as crianzas”.