Burela acollerá o XVI Encontro de Palilleiras o sábado 16 de maio

Burela acollerá o sábado 16 de maio a celebración do XVI Encontro de Palilleiras, organizado pola Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras As Encaixeiras, unha cita que terá como escenario principal o porto de Burela e que incluirá diferentes actividades en distintos puntos da vila.

Na presentación do evento destacouse “tanto o traballo da organización como o impacto desta xuntanza na dinamización cultural e social do municipio”, explica o Concello de Burela, que anuncia: “a programación desenvolverase ao longo de toda a xornada do sábado, comezando ás 10:30 horas coa recepción das palilleiras, seguido da demostración de traballos ata as 13:30 horas. Ás 11:30 terá lugar a inauguración oficial e ás 12:00, unha degustación de empanada de merluza de Burela. Durante a mañá tamén están previstas visitas ao Monte Castelo, á igrexa da Vila do Medio e á Moncloa. A actividade retomarase pola tarde cunha nova demostración de traballos ás 16:00 horas. Ás 17:00 celebrarase un sorteo de agasallos e o encontro concluirá ás 19:00 horas co acto de despedida. Ademais a xornada estará amenizada por Arume e contará con actividades de globoflexia e pintacaras para a cativada. O programa complétase con propostas que permitirán seguir descubrindo Burela, como a visita ao Barco Museo Boniteiro Raíña do Carme, a posibilidade de visitar os murais da Cofradía ou participar nunha visita guiada á Moncloa”.

No marco da presentación, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou “o enorme traballo que fan As Encaixeiras para sacar adiante un evento destas características, que cada ano consegue reunir en Burela a entre 600 e 700 persoas”. Tamén subliñou que “non só organizan un encontro de referencia en Galicia neste eido, senón que ademais son as mellores embaixadoras de Burela, ensinando a nosa vila a quen nos visita e levando o seu nome a cada concentración á que acoden”.

Finalmente a concelleira indicou que “este encontro é un exemplo de como tradición, cultura e convivencia van da man, contribuíndo a dinamizar a vida cultural e social da nosa vila”.

Para más información poderase contactar coa organización a través do número de teléfono 653.29.59.12 ou do correo electrónico asencaixeiras@gmail.com.