Burela acollerá un novo campus de verán do CD Lugo do 9 ao 13 de xullo. Está destinado a nenos e nenas nados entre os anos 2001 e 2011.

Do 9 ao 13 de xullo Burela acollerá un novo campus de verán do CD Lugo para nenos e nenas nados entre os anos 2001 e 2011. Na presentación, que tivo lugar hoxe na capital da provincia, participou o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, que agarda que o evento sexa un éxito. 

O edil burelés explicou que “fomos invitados polo Club Deportivo Lugo á presentación do campus do CD Lugo que se vai celebrar por segundo ano en Burela. É unha cousa que nos enche de satisfacción que ese club elixa Burela para ampliar o seu ámbito de acción e para facer este campus. Será do 9 ao 13 de xullo. O ano pasado tivo moito éxito e esperamos que este tamén sexa moi exitoso. Seguimos colaborando co Club Deportivo como o estamos facendo desde o Concello de Burela e unha parte importante desa colaboración é debida ao grandes lazos de amizade que unen ao Porto de Burela co CD Lugo”.

O campus do CD Lugo consistirá en sesións de adestramento de fútbol, unha visita ao estadio Anxo Carro, piscina e actividades de tempo libre.
Liga Genuine

En Lugo Ramiro Fernández Rey  mantivo outra xuntanza de traballo: “acto seguido tivemos outra reunión, sobre unha iniciativa que está poñendo en marcha a Liga de Fútbol Profesional. Chámase Liga Genuine, que se trata de darlle cabida tamén á xente con discapacidades mentais para que poidan participar nun torneo que organiza a Liga de Fútbol Profesional por mediación do Club Deportivo Lugo, que pediu colaboración á Fundación Eu Son, de cuxo padroado forma parte o Concello de Burela”. 

O concelleiro de Deportes dixo que “en principio está empezando a andar a iniciativa, si que hai moi boa receptividade por parte de todas as asociacións coas que contactou o CD Lugo e a Fundación Eu Son tamén mostrou o seu desexo de participar nesta actividade. Trátase de facer un equipo de fútbol que neste caso levaría o nome do Club Deportivo Lugo e en principio a Fundación Eu Son vai aportar un número importante de xogadores a esa iniciativa, se ao final logra levarse a cabo”. 

E engadiu que “o Concello de Burela vai colaborar en todo o que poida neste tipo de iniciativas. Vai contar cun campionato que vai disputarse por toda España. Este ano tivo lugar en Mallorca, en Villareal, en Vigo e noutros lugares. O Concello de Burela e a Fundación Eu Son tamén van estar aí intentando colaborar co CD Lugo. Esperemos que a iniciativa chegue a bo porto e que poidamos felicitarnos de que saia adiante”.

Ramiro Fernández Rey tivo palabras de agradecemento para o apoio e o traballo que está a realizar o responsable da Área de Deportes da Deputación, Pablo Rivera.