Burela prepárase para esta fin de semana de surf na praia da Marosa

O Concello anuncia que Burela “quenta motores para unha fin de semana na que o surf será o gran protagonista na praia da Marosa. Este sábado ,12 de setembro, dará comezo o Iberdrola Surfing Day Burela 2026, unha cita que durante dous días reunirá deporte, igualdade, participación, formación, sustentabilidade e divulgación arredor do surf. A programación contará con preto de 50 deportistas procedentes de diferentes puntos de España e con nomes de referencia como Melania Suárez, campioa da Liga Pro 2025, e María Martín-Granizo, campioa do mundo de parasurfing. Tamén participarán Nicolás García Andrade, campión de Europa en 2025, e o seu irmán Martín García Andrade, campión do circuíto europeo en 2025”.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destaca “a oportunidade que supón para o municipio acoller esta cita, que chega á provincia de Lugo por primeira vez: esta fin de semana a praia da Marosa converterase nun punto de encontro arredor do deporte, da igualdade e do mar”.

A rexedora salienta tamén que o evento “é unha oportunidade para dar a coñecer o noso territorio, pero tamén para seguir consolidando A Mariña como un destino de referencia vinculado ao deporte e ao turismo sostible”.

Neste sentido Carmela López subliña o papel do deporte “como ferramenta para xerar oportunidades e crear comunidade” e pon en valor especialmente a presenza do deporte feminino no programa, xa que “eventos coma este axudan a crear oportunidades, a eliminar barreiras e a dar visibilidade ás mulleres no deporte, contribuíndo tamén a crear novos referentes para as nenas e as novas xeracións”.

O Iberdrola Surfing Day Burela 2026 desenvolverá un amplo programa ao longo das dúas xornadas, coincidindo co Longboard Concello de Burela, terceira proba da Liga FESurfing de Longboard 2026, e co Campionato Galego de Longboard, que levarán ata A Marosa deportistas de diferentes categorías.

A xornada do sábado comezará ás 09:00 horas coa primeira chamada de competidores e o chequeo das condicións do mar, e a partir das 10:00 horas terá lugar unha master class de surf con Melania Suárez e María Martín-Granizo, acompañada de bautizos de surf a cargo do Burela Surf Club.

Ao longo da mañá abriranse tamén a zona comercial e os food trucks Fanego Errante e La Chingona, que permanecerán durante a xornada, mentres se desenvolverán os obradoiros de longskate de Aloha Escola & Skate Park. Ás 12:00 horas comezarán os trials do Burela Surf Club e, nese mesmo horario, Melania Suárez e María Martín-Granizo protagonizarán unha charla sobre experiencia e liderado feminino, acompañada dunha sinatura de autógrafos.

A partir das 13:00 horas terá lugar un encontro sobre o desenvolvemento territorial a través do turismo activo e o liderado, dentro do bloque dedicado á muller e ao deporte.

Pola tarde, a programación trasladará parte do protagonismo ao medio ambiente e á biodiversidade. Entre as 16:00 e as 18:00 horas desenvolverase o obradoiro Intermareal rocoso, dedicado á fauna e flora da contorna e a cargo de Mare Masma Multiaventura e Medioambiente. Haberá tamén novas quendas dos obradoiros de longskate de Aloha Escola & Skate Park.

Xa entre as 18:00 e as 19:30 horas, a praia da Marosa acollerá unha charla sobre biodiversidade e conservación da Mariña e a proxección da curtametraxe documental Baixo as augas da Mariña-Ortegal. A xornada do sábado pecharase cunha sesión DJ con Grande Osso, prevista entre as 19:30 e as 21:30 horas.

O domingo volverá comezar ás 09:00 horas coa primeira chamada de competidores e o chequeo das condicións do mar. Ás 09:30 horas está previsto o posible comezo da competición oficial de FESurfing, da Liga Nacional de Longboard e do Campionato Galego, sempre en función das condicións do mar.

Durante a mañá e a tarde continuarán as actividades abertas á participación. Entre as 10:00 e as 12:00 horas haberá bautizos de surf a cargo do Burela Surf Club, mentres que os obradoiros de longskate de Aloha Escola & Skate Park desenvolveranse tamén en diferentes quendas ao longo da xornada.

A zona comercial e os food trucks Fanego Errante e La Chingona volverán estar abertos o domingo, desde as 11:00 ata as 20:00 horas. Pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, celebraranse novos bautizos de surf e, a continuación, entre as 16:30 e as 19:00 horas, desenvolveranse novas quendas dos obradoiros de longskate.

O programa do Iberdrola Surfing Day Burela 2026 chegará ao seu peche ás 20:00 horas do domingo.

As persoas interesadas en participar nos bautizos de surf poderán inscribirse directamente no recinto do Iberdrola Surfing Day durante os días de celebración do evento, ata completar o aforo máximo establecido para cada grupo. Para formalizar a inscrición será necesario cubrir a ficha correspondente. No caso das persoas menores de idade, será imprescindible presentar tamén a autorización do pai, nai ou representante legal, así como a correspondente autorización para a cesión e uso da imaxe.