A campaña da FCAM “De compras polo comercio da Mariña Lucense” chegará o 8 de novembro a Lourenzá e Mondoñedo con novos convidados

A campaña da FCAM De compras polo comercio da Mariña Lucense chegará o 8 de novembro a Lourenzá e Mondoñedo con novos convidados.

A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explicou que “as persoas que fagan as súas compras nos comercios de Lourenzá e de Mondoñedo entre os días 3 e 8 de novembro entrarán no sorteo de 500 euros en vales de compra. O 8 novembro ás 20:00 horas na Praza do Concello, de Mondoñedo, terá lugar o devandito sorteo. E os convidados especiais cos que imos contar nesta ocasión serán os encargados de entregar os vales ás persoas afortunadas. Con eles imos visitar tamén enclaves turísticos da comarca, porque entendemos que comercio e turismo están moi unidos neste destino, e ademais imos amosarlles a excelente gastronomía coa que contamos na Mariña”.

Ata Lourenzá e Mondoñedo achegaranse Inés Butrón (escritora, profesora, divulgadora gastronómica e colaboradora do programa Gente Viajera, de Onda Cero); Fabián Pérez (xornalista e presentador de televisión en Mediaset, que actualmente traballa no programa Todo es mentira, de Cuatro); Leticia Sierra (escritora e xornalista que traballou en varios medios de Asturias, Salamanca e Madrid); e Carlos Arévalo, (piragüista medallista olímpico en Tokio e París).

Desde a FCAM subliñan que “o obxectivo desta campaña é unha forte aposta polas compras no pequeno comercio, nese que temos a carón das nosas casas. E facémolo traendo á Mariña a persoas destacadas pola súa profesión no ámbito do xornalismo, a música, a escritura, o deporte ou o cine. Esta iniciativa da FCAM xurdiu hai 10 anos e neste 2025 decidimos retomala e renovala. Queremos que eses persoeiros sexan un reclamo comercial e por iso veñen pasar unha fin de semana entre nós. Arrincamos a finais de outubro en Foz e seguimos o noso percorrido os días 8 e 9 de novembro en Lourenzá e Mondoñedo”.

En Lourenzá tivo lugar a presentación das actividades da campaña De compras polos comercio da Mariña Lucense que se desenvolverán os días 8 e 9 de novembro en Mondoñedo e Lourenzá. No acto participaron a alcaldesa laurentina, Rocío López, e a presidenta da FCAM, Carmen Cruzado.