
Burela acolleu este xoves a presentación da campaña que teñen en marcha a Federación de Comercio e a Deputación de Lugo para promocionar as compras no pequeno comercio. Nesta edición o reclamo é un vehículo MG3 Hybrid+, que se sorteará o 3 de decembro ante notario no Pazo de San Marcos. A campaña está a ter unha gran acollida e dende que se puxo en marcha, o 20 de outubro, xa se rexistraron para participar no sorteo máis de 7.000 boletos de compra.
A campaña foi presentada na localidade mariñá este xoves polo presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, e pola alcaldesa e presidenta da Deputación, Carmela López. Participaron tamén o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Burela, Eva Luaces, e concelleiros e concelleiras de Burela, entre outras autoridades.
Para participar abonda con realizar unha compra por un importe igual ou superior a 10 euros nun establecemento de comercio de proximidade da provincia de Lugo. As persoas interesadas poden validar o recibo de compra na web habilitada para a campaña www.sorteocomercio.es/coche.
Durante a presentación da campaña en Burela, a alcaldesa e presidenta da Deputación subliñou que o pequeno comercio é fundamental para manter vivas as vilas, garantir servizos e xerar oportunidades. “Cando apoiamos o comercio local, tamén contribuímos a construír territorio e a favorecer que a xente poida vivir e traballar nel”, sinalou.
López estivo acompañada polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, quen destacou a importancia de apoiar os negocios locais nestes meses previos ao Nadal: “outubro e novembro son períodos nos que moitos establecementos afrontan unha menor actividade, polo que iniciativas coma esta buscan animar a cidadanía a mercar no comercio de proximidade e axudar aos negocios a afrontar con máis forza unha etapa decisiva do ano”, valorou.
Pola súa banda, José María Seijas destacou: “trátase dunha ambiciosa e ilusionante iniciativa, no constante reto de fortalecer o tecido comercial local, potenciar a economía da provincia e incentivar a sensibilización e participación dos consumidores que compartimos a Federación de Comercio e a Deputación Provincial de Lugo”. E explicou que o comercio de proximidade “é o que da vida, emprego e riqueza ás nosas vilas e nun momento moi delicado para as economías familiares pola suba xeralizada do custo da vida pensamos que para poder incentivar as compras no noso sector tiñamos que dar un paso adiante e realizar un gran sorteo, cun premio de impacto, de indiscutible atractivo para calquera consumidor e, por suposto, sostible. E aquí o temos, un vehículo híbrido”, sinalou o presidente da Federación de Comercio.


