Debido ao éxito conseguido a mostra "Basuraleza" seguirá na Casa da Cultura, en San Ciprián, ata o 31 de xaneiro.

Dada a gran acollida que tivo a mostra "Basuraleza" de Emilio Pascual Méndez, o Concello de Cervo amplía a súa estadía na sala de exposicións da Casa da Cultura ata o 31 deste mes de xaneiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

"Basuraleza" está conformada por 15 pezas elaboradas con restos que o autor atopou e recolleu en contornas naturais, reconverténdoos en obras pictóricas, para concienciar sobre a importancia de Reducir, Reutilizar e Reciclar, e sobre todo de ser máis respectuosos co medio.