A elección da raíña ou rei do Entroido de Foz será este sábado, 8 de novembro na Sala Bahía

Este sábado, día 8 de novembro, na Sala Bahía dous candidatos serán os protagonistas da elección da figura da raíña ou rei do Entroido 2026 de Foz.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “os candidatos que defenderán os motivos polos que queren representar ao pobo de Foz nunha das súas festas máis queridas serán Sonia Cancio e Derek Pérez. O día estará repleto de actividade na carpa da Sala Bahía. Pola mañá, ás 12.00 horas, haberá unha actividade infantil de maxia, co mago Jorge Lorenzo. Logo comezará a música co Dúo Venus, para que ás 14.00 horas os postulantes defendan a súa candidatura e os motivos polos cales queren ser raíña ou rei do Entroido. A continuación seguirá a música e a partir das 16.00 horas abriranse as votacións ata ás 17.00 horas. A sesión de tarde correrá a cargo de Eventec. O nome do candidato que abrirá o desfile de Foz o próximo 14 de febreiro desvelarase ás 18.00 horas. Para aqueles que queiran pasar unha xornada de guateque entre entroideiros, haberá tamén a posibilidade de comer na propia Sala Bahía con servizo de comidas (polo, costela e chourizo ao allo, xamón cocido, etcétera). O prezo da entrada será de 3 euros para os maiores de 14 anos”.

Inés López Couto engade: “agardamos que a xente se anime a vir, apoiar ao seu candidato favorito e desfrutar dunha sesión vermú e tardeo entre amigos. Prégamos asistencia con disfrace. Neste caso a recomendación é unha temática de guateque, pero as opcións son as que cada un prefira”.