En Xove celébrase o Día da Infancia este domingo, 4 de xaneiro

O Concello de Xove celebra este ano unha das súas xornadas máis especiais dentro da programación do Nadal: o Día da Infancia, “unha actividade pensada para facer as delicias dos máis pequenos da casa. Terá lugar o domingo, 4 de xaneiro, converténdose no colofón perfecto antes de despedir as festas co seu punto máis destacado: a tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá -se o tempo o permite- as rúas de Xove o día seguinte, 5 de xaneiro”.

Durante toda a xornada do domingo, os nenos e nenas poderán gozar dunha “ampla oferta lúdica pensada exclusivamente para eles. En horario de mañá e tarde a Piscina Municipal acollerá divertidos xogos acuáticos, nos que os rapaces poderán participar e pasalo en grande. Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, a diversión trasladarase ao Pavillón Municipal, onde haberá diferentes inchables para saltar, xogar e desfrutar sen límite”.

O obxectivo desta iniciativa é que “os máis pequenos vivan unha xornada inesquecible, chea de actividades deseñadas para o seu entretemento e diversión, e que poidan descansar logo dunha tarde intensa, porque ao día seguinte a visita dos Reis Magos de Oriente volverá encher Xove de emoción, maxia e expectación”.