Este sábado, 8 de novembro, celébrase un magosto en San Ciprián (Cervo)

O Concello de Cervo convida a toda a veciñanza e visitantes a participar no magosto organizado pola comisión de festas de Santa Isabel de Lieiro, que terá lugar este sábado, día 8 de novembro, a partir das 18:00 horas na Casa do Mar de San Ciprián.

Durante a celebración, que foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, o concelleiro Adrián Arias, e por membros da asociación organizadora, poderanse degustar castañas asadas, bocadillos de panceta e chourizo, empanadillas, ademais de desfrutar do servizo de bar.

“A música e a animación estarán garantidas coa presenza do DJ Tomás, que será o encargado de poñer ritmo ao primeiro Guateque de Arruguiñas da tempada, que promete unha tardiña chea de diversión e bo ambiente”, anuncia o Concello de Cervo, que anima “a todos os veciños e visitantes a achegarse a San Ciprián para celebrar esta tradicional festa do outono galego”.