Maricarme levará o novo folk galego a Ribadeo este domingo, 10 de agosto

Este domingo, 10 de agosto, ás 21.30 horas o Cantón dos Moreno en Ribadeo acollerá unha proposta musical única: o concerto de Maricarme, unha das formación máis innovadoras do panorama folk actual en Galicia.

Formado por tres artistas moi coñecidos na escena musical galega- Antía Ameixeiras (Caamaño&Ameixeiras), Cibrán Seixo (Davide Salvado) e Migui Carballido (Zeltia Irevire)-, Maricarme mestura a raíz da tradición oral galega cunha estética sonora contemporánea e atrevida.

No seu directo, conxugan instrumentos acústicos coma o violín, os pandeiros ou o bouzouki, con texturas electrónicas creadas por sintetizadores, pedais e pads. O resultado é un folk poderoso, actual e cheo de enerxía.

O concerto, de entrada libre, promete ser unha das citas musicais da tempada.