O 29 de marzo terá lugar en Rinlo a primeira degustación de mexillón, que organiza a asociación de veciños O Cantal coa colaboración do Concello de Ribadeo. Será na praza de San Pedro a partir das 12:30 horas. Haberá carpa, música, bar e 300 quilos de mexillóns para degustar.
O alcalde, Dani Vega, dixo que “Rinlo prepárase para celebrar a primeira degustación do mexillón, unha nova festa que queremos potenciar dende o Concello. E agradecémoslle á asociación de veciños O Cantal todo o seu traballo, a súa proposta e a ilusión que está trasladando para impulsar iniciativas en beneficio de Rinlo e de todos”.
Para o rexedor “apostar por degustacións de produtos do mar é algo moi importante. Estamos apoiando a todo un sector e tamén impulsando e publicitando os produtos do mar. Polo tanto hai que agradecerlles o traballo”.
Vega subliñou que “Rinlo é ese espazo fundamental para apoiar este tipo de festas e degustacións. É a vila mariñeira por excelencia, con esa arquitectura e con todo un pobo que viviu e vive do mar. Polo tanto nosoutros vamos seguimos colaborando. Tamén hai que agradecer á Xunta de Galicia por apoiar este tipo de degustacións. Entre todos estamos traballando para que sexa realidade esta festa. En definitiva o que facemos é apoiar todos os días o sector do mar”.
Na presentación da mexillonada de Rinlo participaron representantes da asociación de veciños o Cantal xunto ao alcalde, Dani Vega, e o concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos.