
O Concello de Trabada traslada á veciñanza información detallada sobre a eclipse solar total que terá lugar este mércores, 12 de agosto, un fenómeno astronómico excepcional que poderá observarse desde o municipio e que terá a súa fase de totalidade ao redor das 20:28 horas: segundo os datos do Observatorio Astronómico Nacional, en Trabada a eclipse comezará ás 19:31 horas, mentres que o inicio da totalidade está previsto para as 20:27:12 horas. O máximo da eclipse producirase ás 20:28:06 horas, alcanzándose nese momento o 100 % de ocultación do Sol, e a totalidade rematará ás 20:28:54 horas. A eclipse completa finalizará ás 21:21:30 horas, cunha duración total de aproximadamente 1 hora e 50 minutos, mentres que a fase de totalidade terá unha duración de 1 minuto e 46 segundos.
Para facilitar a observación deste fenómeno, o Concello de Trabada puxo á disposición da Subdelegación do Goberno o Alto da Cadeira como punto recomendado para a observación no municipio: “este enclave conta cunha zona de ampla visibilidade e tamén con espazos de aparcamento, polo que ofrece unhas boas condicións para gozar da eclipse”.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destaca: “estamos ante un fenómeno astronómico excepcional que teremos a oportunidade de vivir desde o noso propio territorio. A eclipse vai ser un acontecemento moi especial e desde o Concello queremos facilitar que a veciñanza e todas as persoas que se acheguen a Trabada poidan desfrutalo con seguridade e nas mellores condicións posibles”.
O rexedor anima tamén a “aproveitar esta oportunidade para mirar ao ceo e vivir un fenómeno que non se repetirá en moitos anos nas mesmas condicións, facendo do Alto da Cadeira un dos puntos de referencia para a súa observación”.
Dentro das iniciativas vinculadas á eclipse, o Concello de Trabada, coa colaboración da Deputación de Lugo, realizou tamén o reparto de gafas homologadas para a observación solar entre os nenos, nenas e mozos e mozas participantes nos campamentos infantil e xuvenil municipais.
Ademais este mércores, 12 de agosto, o Motoclube A Cadeira organizará unha xuntanza no Alto da Cadeira para seguir a eclipse desde este enclave. No marco desta actividade tamén se repartirán unidades de gafas “para facilitar unha observación segura do fenómeno”.
Desde o Concello de Trabada lémbrase “a importancia de non observar nunca o sol directamente sen protección ocular adecuada e de empregar exclusivamente gafas específicas e homologadas para a observación solar”.


