O Centro Comercial Aberto de Burela lanza a súa campaña “Volta ao cole” á que están chamados todos os rapaces e rapazas burelenses menores de idade que queiran participar nun xogo da oca xigante que se instalará na praza da Mariña o día 7 de setembro.
A dinámica do xogo é moi sinxela o único que se ten que facer é gardar os tickets de compra dos locais asociados ao CCA Burela, e se suman máis de 10 euros en compra terán dereito a xogar unha partida.
O gañador ou gañadora de cada un dos xogos recibirá un lote de material escolar valorado en máis de 10 euros e un cheque de 20 euros para mercar material escolar nos comercios asociados. Todos os participantes recibiran un agasallo por participar na actividade, para que ninguén marche coas mans baleiras.
Está previsto que se fagan un máximo de 36 partidas durante todo o día, e comezarán sempre que se xunten un número de entre 3 e 7 participantes. Pódese repetir se se presentan máis tickets de compra, pero non os que xa gañaran unha partida.
Para participar deberán presentarse o día 7 de setembro na praza da Mariña entre 10.30 e 13.30 horas pola mañá e 17.00 e 20.00 horas pola tarde co ticket ou tickets datados entre os días 22 de agosto e 7 de setembro.
Desde o CCA Burela queremos ademáis agradecer a participación dos establecementos asociados IG10, Boas Migas e Yöglio que se encargarán de dispoñer de actividades todo o día para o entretemento dos máis pequenos. Por suposto tamén queremos sinalar a participación do Concello de Burela pola cesión de espazos e a súa sempre fundamental colaboración.