O Concello de Alfoz organiza o 11 de setembro a I Xincana da Creatividade

O Concello de Alfoz organiza o vindeiro 11 de setembro a primeira edición da Xincana da Creatividade, “unha nova proposta de lecer dirixida tanto á mocidade como á poboación adulta, que terá como escenario o entorno do Castelo de Castrodouro”.

A actividade desenvolverase entre as 19:00 e as 21:00 horas, cunha duración aproximada de 120 minutos, e combinará diferentes probas inspiradas nos escape rooms con retos de enxeño, cooperación e creatividade que os participantes deberán ir superando en equipo.

A Xincana da Creatividade “está especialmente pensada para participar en grupos de amigos ou en familia, favorecendo a colaboración entre persoas de diferentes idades. Poderán participar tanto novos como adultos e, no caso de que nun equipo haxa menores de 13 anos deberá formar parte do grupo polo menos unha persoa maior de 18 anos”, explica o Concello de Alfoz, que engade: “a actividade, que se organiza por primeira vez en Alfoz, conta coa intención de ampliar as alternativas de ocio e ofrecer unha experiencia diferente, participativa e aberta a distintas xeracións”.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, sinala: “queremos seguir incorporando propostas novas á programación municipal, neste caso cunha actividade que permita desfrutar xuntos a grupos de amigos e familias, independentemente da idade. Ademais destaca que “o entorno do Castelo de Castrodouro é un escenario inmellorable para unha xincana destas características, na que haberá que traballar en equipo, pensar, investigar e, sobre todo, pasalo ben».

As inscricións estarán abertas do 31 de agosto ao 7 de setembro. As prazas son limitadas, polo que desde o Concello anímase ás persoas interesadas a formalizar a súa participación dentro do prazo establecido.

Con esta iniciativa o Concello de Alfoz “continúa apostando por unha programación de lecer diversa, interxeracional e participativa, ao tempo que pon en valor espazos emblemáticos do municipio como o Castelo de Castrodouro”.