O Concello de Burela oferta novos cursos gratuítos para mellorar as competencias dixitais entre o 23 de febreiro e o 19 de marzo

O Concello de Burela, a través das áreas de Servizos Sociais e Inmigración, pon en marcha unha nova edición de cursos gratuítos de formación dixital Yo conecto, dirixidos á veciñanza. A iniciativa desenvolverase na Aula CeMIT do Centro de Formación Ocupacional e inclúe catro accións formativas diferentes que se impartirán entre o 23 de febreiro e o 18 de marzo.

Os cursos terán lugar de luns a xoves, en horario de 17:00 a 20:00 horas, e a programación estrutúrase en catro semanas, cada unha dedicada a unha temática concreta relacionada co uso das tecnoloxías.

A primeira formación, Iniciación ao mundo dixital, impartirase do 23 ao 26 de febreiro. Do 2 ao 5 de marzo desenvolverase o curso A túa banca dixital. Compras seguras en liña. A terceira proposta, Ocio dixital: apps para disfrutar, terá lugar do 9 ao 12 de marzo. Finalmente do 16 ao 19 de marzo ofrecerase o curso Crea contido coa Intelixencia Artificial.

Segundo sinala o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, “con esta oferta formativa pretendemos facilitar á cidadanía ferramentas prácticas para adaptarse á realidade dixital actual e reducir a fenda tecnolóxica”. Pillado destaca tamén que “trátase de cursos presenciais, gratuítos e adaptados a todos os niveis, co obxectivo de que ningunha persoa quede atrás no acceso ás novas tecnoloxías”.

As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse a través do Concello de Burela, chamando ao teléfono 982 586 000 ou escribindo ao correo electrónico burela@burela.org.