
O Concello de Cervo abrirá este venres, día 4 de setembro, o prazo de inscrición para os cursos da piscina municipal correspondentes á nova tempada 2026-2027. A programación inclúe cursos de natación tanto para público infantil como adulto, con diferentes grupos organizados en función do nivel de natación, “co obxectivo de adaptar as clases ás necesidades e características das persoas participantes. Ademais, tamén se impartirán clases de Aquagym”.
As fichas de inscrición deberán realizarse de forma presencial na piscina municipal, onde tamén se facilitará toda a información relativa aos grupos, horarios e funcionamento dos cursos.
O criterio de admisión establecerase en función da orde de entrega da documentación, tendo preferencia as persoas empadroadas no concello de Cervo.
Desde o Concello de Cervo animan á veciñanza a participar nesta programación deportiva, que “permite promover a práctica da actividade física e os hábitos de vida saudables entre persoas de diferentes idades”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destaca: “desde o Concello de Cervo seguimos apostando por ofrecer á nosa veciñanza actividades deportivas variadas e de calidade, facilitando o acceso á práctica deportiva e promovendo hábitos de vida saudables”.
O Concello de Cervo salienta que “os cursos da piscina municipal contan cada ano cunha moi boa acollida e permiten que tanto as crianzas como as persoas adultas poidan practicar natación e outras actividades acuáticas adaptadas aos diferentes niveis e necesidades”.


