O Concello de Trabada organiza un Campionato de Balinera en Abres o 19 de xullo

O Concello de Trabada organiza un Campionato de Balinera o día 19 de xullo, sábado, ás 19:30 horas no campo da festa de Abres.

“Este evento, dirixido a persoas de todas as idades, celebrarase nun ambiente lúdico e seguro. As balineras serán facilitadas pola organización, polo que non é necesario dispoñer dunha propia para participar. O campionato contará con premios para os tres primeiros clasificados: 1º, Carabina GAMO, valorada en 249 euros; 2º, Taladro EINHELL, valorado en 213 euros; e 3º, maletín de chaves IRIMO, valorado en 99 euros”, anuncia o Concello de Trabada.

A inscrición é gratuíta e pode realizarse previamente nas oficinas municipais ou no teléfono 982.135.011 ata o 15 de xullo, aínda que tamén será posible anotarse o mesmo día do evento.

O alcalde de Trabada, Rubén García, sinala: “continuamos ofertando diferentes actividades de ocio que axuden a dinamizar o noso concello e ofrecer propostas variadas para todas as parroquias. Iniciativas coma esta, combinadas coas festas locais, reforzan a participación veciñal e enriquecen a vida comunitaria”.

Este campionato forma parte da liña de actuación do Concello de Trabada para “seguir promovendo eventos accesibles, interxeracionais e que valoricen a identidade local a través do entretemento e a convivencia”.