
A Fundación Expomar traballa desde outubro de 2025 nas diferentes actividades do proxecto Sustentabilidade da actividade pesqueira e consumo responsable, que culminará o xoves 30 de abril co Congreso da infancia e da adolescencia.
Este xoves, 23 de abril, presentouse en Burela o programa do Congreso da infancia e a adolescencia: Sustentabilidade da actividade pesqueira e consumo responsable, que promove a Fundación Expomar co financiamento do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e do GALP A Mariña-Ortegal. No acto de presentación, que estivo guiado polo xerente da Fundación Expomar, José Manuel González ‘Brais’, tamén interviñeron o director territorial de Pesca, Alexandre Piñeiro; o presidente do GALP A Mariña-Ortegal, Javier Martínez Otero; e a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López.
Para o xerente da Fundación Expomar, “Burela e A Mariña son o que son grazas á pesca: pola súa flota, pola súa lonxa e pola comercialización do peixe, que a converten nunha das potencias do sector pesqueiro”.
Ademais de presentar en detalle o programa do Congreso, que terá lugar o vindeiro xoves en xornada de mañá, dedicada sobre todo aos centros educativos, e sesión de tarde, dirixida tamén ao público xeral, presentou este proxecto como exemplo dos obxectivos que persegue a Fundación Expomar: a promoción do sector pesqueiro implicando a diferentes sectores da sociedade: a administración, a pesca, os centros de maiores, os centros educativos e a gastronomía.
Precisamente tamén puxo en valor o traballo realizado desde a Escola de Hostalería do IES Foz, que, alén de crear o petisco de peixe que se presentará no Congreso, tamén ideou diferentes menús con peixe que “demostran que se pode incluír o peixe nos menús dos comedores escolares e sociais a prezos competitivos”.
A continuación, o director territorial de Pesca da Xunta de Galicia, Alexandre Piñeiro, en nome da Consellería do Mar, agradeceu este tipo de iniciativas, que “promocionan o produto do mar, a saúde a través dunha dieta equilibrada e o comercio local. Ademais destacou o papel que xogan as xeracións de maiores dentro desta Xeración Peixe a través dos encontros interxeracionais, demostrando que tamén eles tamén contan”.
Pola súa banda, Javier Martínez Otero (presidente do GALP A Mariña-Ortegal) que cofinancia o proxecto a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca, destacou o papel da Fundación Expomar como “claro expoñente dos obxectivos que se perseguen dentro do sector pesqueiro”.
Finalmente a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, valorou como “grazas ao traballo conxunto de diferentes administracións, entidades, colectivos e centros educativos pódense sacar adiante proxectos como Xeración Peixe”, do que precisamente destacou o seu título, que “simboliza moi ben a identidade de Burela, onde, directa ou indirectamente, todas as familias creceron grazas ao mar, así que todos nos consideramos Xeración Peixe”.
Este proxecto da Fundación Expomar abarcou diferentes actividades nas que colaboraron diversos sectores de actividade e públicos de distintas xeracións, desde centros de ensino ata centros de maiores e de inclusión social: actividades de investigación, culturais, gastronómicas, medio ambientais e artesanais.
Todos os traballos realizados durante este proxecto, que comezaron xa no mes de outubro de 2025, culminarán neste Congreso da infancia e a adolescencia, que se celebrará o xoves 30 de abril na Casa de Cultura de Burela e no que se expoñerá o resultado das actividades realizadas, con diferentes relatorios e mostras de artesanía, cultura, literatura e gastronomía.


