
O Concello de Cervo anuncia que o peche do Festival de Narración Oral De Cobo a Xunco chega este venres, día 26 de setembro, ás 22:00 horas no auditorio da Casa da Cultura de San Ciprián.
“Durante todos os venres de setembro gozamos dun festival itinerante que levou contos e historias a diferentes parroquias e locais sociais de Cervo, grazas á colaboración das asociacións veciñais e á proposta orixinal de Tarabela Creativa. Agora chega o momento da gran gala final con Carmen Conde (Embaixadora do Río Cobo), Caxoto (Embaixador do Río Xunco) e as regueifeiras Lupe Blanco e Alba María, regueifando cada unha en representación dun río. O público decidirá co seu aplauso que río gañará esta viaxe de narracións e tradición oral. O noso agradecemento a todas as persoas e colectivos que fixeron posible este mes cheo de cultura, memoria e convivencia. Non faltes, vén celebrar connosco esta noite especial!”, anuncia o Concello de Cervo.