O Tapeo Bonito volve a 14 establecementos de Burela deste este xoves, 16 de xullo, ata o sábado 18

O Tapeo Bonito regresa esta semana, desde o xoves 16 ata o sábado 18, a Burela cunha nova edición na que participarán catorce establecementos hostaleiros da vila. Bares, cafeterías e restaurantes ofrecerán diferentes tapas e elaboracións co bonito do norte como protagonista, como preludio á Feira do Bonito, anuncia o Concello de Burela.

A presentación da iniciativa tivo lugar este martes coa participación da concelleira de Festas e Festexos, Patricia Eijo e da presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera.

“O Tapeo Bonito permite seguir poñendo en valor o bonito do norte da man da hostalaría local, que cada ano se implica con propostas moi variadas para ofrecer ao público diferentes formas de degustar este produto”, destacou Patricia Eijo.

Nesta edición participan os establecementos A Chave das Noces, A Lonxa, A’Mares, Arenal, Brétema, Contraste, La Cocina de la Yaya, L'Urbana, Luzern, Nordestina, Os Remos, Salitre, Sargo e Vistalegre.

O Concello de Burela lembra que “desde 1983 Burela dedica ao bonito do norte unha feira de exaltación gastronómica, a Feira do Bonito, declarada Festa de Interese Turístico Nacional. O Tapeo Bonito naceu no ano 2021, cando a pandemia impediu a celebración da que sería a XXXVII edición da Feira do Bonito. Co obxectivo de manter viva esa cita impulsouse unha iniciativa na que a hostalaría local elaborou pratos e tapas co bonito do norte como protagonista. A resposta obtida naquela primeira edición permitiu consolidar a proposta, que dende entón precede cada ano á celebración da Feira do Bonito”.