O Teatro das Cortes, no Vicedo, empeza tempada este sábado, 25 de abril, coa xornada “Onde foi Barriga Verde?”

O Teatro das Cortes, na aldea de Cabanas (O Vicedo) acolleu a presentación do programa Da Barraca á Aula: A memoria das festas. Isa Coldeira e Anxo García, da Asociación Cultural Morreu o Demo e mais Lucho Penabade, do Teatro das Cortes, daban a coñecer o programa e mais a proposta deste espazo cultural mariñao para os vindeiros meses.

Entre as primeiras propostas do programa atópase a xornada Onde foi Barriga Verde? que se celebrará no propio Teatro das Cortes este sábado, día 25 de abril, e que inclúe a exposición titulada A arte dos Silvent, un obradoiro de creación de monicreques para persoas adultas, unha representación de Barriga Verde a cargo de Viravolta Títeres e máis un retrinco da Brigada Teatral das Cortes sobre o 25 abril portugués. Todas as actividades serán de balde. Para se inscribir no obradoiro cómpre apuntarse en voltaedalle@gmail.com.

A Asociación Cultural Morreu o Demo promove o programa Da Barraca á Aula. A memoria das festas, co que quere achegar o patrimonio do títere tradicional galego a espazos rurais do noso país. Obradoiros de creación de monicreques e cabezudos, exposicións, videofórums ou representacións co mítico personaxe Barriga Verde fan parte desta iniciativa que se desenvolve ao longo deste ano co apoio da liña de axudas para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura, da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e con fondos do Ministerio de Cultura. Co foco posto en dar a coñecer este patrimonio Da Barraca á Aula: A memoria das festas achega a público escolar, terceira idade e colectivos culturais de localidades rurais do país unha oferta de actividades que aposta pola divulgación da arte dos títeres tradicionais e a recuperación da memoria das feiras e festas populares nas que se desenvolvían estes espectáculos. O programa desenvólvese en centros de ensino e espazos socioculturais d e varios concellos galegos, entre eles O Vicedo.

A sesión serviu tamén para presentar o programa do Teatro das Cortes para esta temporada. Despois das actividades do 25 de abril, este espazo cultural continuará as súas propostas o vindeiro 23 de maio, coa celebración do Sábado das Letras. Un recital aberto e unha actuación de música tradicional acompañarán a Paula Carballeira, que presentará o seu libro sobre Begoña Caamaño, e desenvolverá unha actuación de narración oral.

Para os días 27 e 28 de xuño está prevista a segunda edición do Festival da Lingua Moza, que se desenvolve co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo e que está organizado pola AC Volta e dálle e a Escola Semente para público familiar e xuvenil. Obradoiros de regueifa e banda deseñada, unha mesa redonda sobre lingua e infancia, os títeres de Babaluva con A filla do Cacharulo ou un roteiro teatral co grupo Son D’Aldea, de Palas de Rei, son algunhas das propostas desta iniciativa, que agarda contar tamén con concertos de Uxía Senlle, Punk on Keixo ou un encontro interxeracional de Regueifa.

Unha actuación do Mofa e Befa o 18 de xullo ou un serán astronómico o 12 de agosto, a coincidir co eclipse solar, son algunhas da propostas que se desenvolverán nesta temporada no Teatro das Cortes, na aldea de Cabanas (O Vicedo).