O trofeo de fútbol sala feminino Burela Turismo de Galicia enfrontará ao Burela co 5 Coruña este xoves, 28 de agosto

A Xunta de Galicia patrocina o Trofeo Burela Turismo de Galicia, que este xoves, día 28 de agosto, enfrontará ao Burela Fútbol Sala feminino e o 5 Coruña FS no pavillón de Vista Alegre, a partir das 20.00 horas. O encontro servirá como presentación oficial do equipo diante da súa afección antes do comezo da nova tempada, previsto para o 6 de setembro.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou na presentación do partido, nun acto que se desenvolveu no porto de Burela e no que tamén estiveron o presidente do CD Burela FS, José Luis Sáez; a adestradora do equipo feminino, Belén Feal; e unha representación do plantel de xogadoras.

Arias detallou que a Administración autonómica “destina 20.000 euros a través da Axencia de Turismo de Galicia a patrocinar en exclusiva este partido, que terá entrada gratuíta. Lembrou que esta colaboración se suma ao convenio de patrocinio asinado tamén coa entidade o pasado mes de abril -por valor de 30.000 euros- dentro da aposta da Xunta por vincular o deporte de alto nivel coa proxección da imaxe turística da comunidade”.

O delegado territorial puxo en valor “o compromiso do Goberno galego cos clubs deportivos da nosa provincia, entre eles os que nos representan nas máximas categorías nacionais, como o Breogán, o CD Lugo, o Ensino, o Arenal Emevé, o Lugo Sala ou tamén o Castro FSF e o propio Burela FS, co que estamos a facer un esforzo especial polo momento complicado que atravesa e tamén como mostra de confianza cara ao traballo da nova directiva”.

Destacou ademais a traxectoria do Burela FS, “un club que fixo historia, levando o fútbol feminino ao máis alto nivel, coroándose con numerosos títulos nacionais e internacionais e que proxecta o nome de Burela e da Mariña dentro e fóra das nosas fronteiras. É por todo iso que a entidade burelesa representa non só un exemplo de excelencia deportiva senón tamén un destacado motor de dinamización social e económica para toda a comarca”.

O representante autonómico gabou finalmente o labor do club a prol da igualdade de xénero, “apostando de xeito decidido polo deporte feminino”, e da promoción do deporte de base na comarca.