
O xoves 10 de xullo ás oito e media da tarde celebrarase na librería Bahía, de Foz, unha nova edición do programa Afinidades Electivas, promovido polo Ministerio de Cultura. Nesta ocasión participarán a poeta galega Yolanda Castaño e o poeta asturiano Miguel R. Monteavaro “para conversar sobre as súas respectivas obras, a creación poética, a relación das distintas linguas que compartimos na península ibérica e o lugar dos creadores na sociedade”, anuncia Librería Bahía.
Tamén explican que “Yolanda Castaño é unha poeta cunha longa e moi recoñecida traxectoria. Entre outros galardóns, foi Premio Nacional de Poesía 2023 polo seu poemario Materia. A falsa autónoma, de 2024, é a súa última publicación. É, ademais, unha autora interesada na relación da poesía coas demais artes, e nese sentido, participou en varios proxectos que fusionan literatura e audiovisual. E podemos dicir que, sen dúbida, é unha das poetas galegas actuais máis coñecidas e recoñecidas tanto dentro coma fóra das nosas fronteiras. E Miguel R. Monteavaro é poeta, filólogo e músico asturiano, de Boal, “na mesma raia”, como el mesmo a define. Gañou no 2019 o Premio de Poesía Joven de Asturias. Ten no seu haber publicacións tanto individuais como colectivas escritas en asturiano ou en galego de Asturias. Actualmente é profesor na Universidade de Oviedo”.