
Cervo volverá converterse neste mes de xullo nun punto de encontro para a música e a danza tradicional coa celebración do Festival Folklórico Internacional e do Festival Folklórico Infantil, organizados polo Grupo Folklórico Mistura, de Lieiro, en colaboración co Concello, que anuncia: “a Praza dos Campos, de San Ciprián, será o escenario de dúas xornadas nas que o público poderá gozar de actuacións chegadas de diferentes puntos da Península e tamén doutros países, nunha cita xa consolidada dentro da programación cultural do verán cervense. “
A programación abrirase o venres 17 de xullo, ás 20:00 horas, co Festival Folklórico Internacional, que reunirá sobre o escenario á Agrupación Folklórica La Sidrina, de Lugones (Asturias); ao Grupo Folklórico Estampas de México; e ao Grupo Folklórico Mistura, de Lieiro, anfitrión do encontro e encargado de pechar a primeira xornada.
O sábado 18 de xullo a partir das 19:00 horas será a quenda do Festival Folklórico Infantil, “unha cita que pon o foco no relevo xeracional e na promoción da cultura tradicional entre a mocidade”. Nesta edición participarán a Asociación Folklórica Ledaiña de Bagoas da Terra, de Viveiro; o Grupo Folklórico O Feitizo, de Foz; e o Grupo Folklórico Mistura, de Lieiro, que clausurará tamén esta segunda xornada.
A cita foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada por membros do Grupo Folklórico Mistura de Lieiro, que destacou “o traballo realizado para facer posible unha nova edición destes festivais, convertidos xa nun referente do calendario cultural estival do municipio”.
A alcaldesa quixo agradecer o esforzo da organización, salientando que “o labor que desenvolve Mistura durante todo o ano é fundamental para conservar e transmitir o noso patrimonio inmaterial, facendo posible ademais un festival que achega a San Ciprián agrupacións de diferentes lugares e favorece o intercambio cultural”.
A rexedora destacou tamén que “estas citas son unha excelente oportunidade para seguir impulsando a cultura tradicional, dinamizar a vida social e económica do municipio e ofrecer tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan un espectáculo de gran calidade no que a música e a danza se converten na mellor carta de presentación de Cervo”.
O Concello anima á veciñanza e aos visitantes a achegarse á Praza dos Campos para desfrutar destas dúas xornadas de folclore, que “servirán ademais como broche final das Festas do Carme de San Ciprián, pechando a programación festiva cunha proposta que aposta pola tradición, a convivencia e o intercambio cultural”.


