
Ourol acolle o día 25 de agosto, martes, un obradoiro sobre empoderamento, igualdade e prevención da violencia de xénero dirixido a mulleres. Será de 11:00 a 12:30 horas no Edificio Multiusos.
O Concello de Ourol anuncia que “continúa avanzando no seu compromiso coa promoción da igualdade real entre mulleres e homes a través das actuacións previstas no III Plan de Igualdade do Concello de Ourol 2025-2028, que establece como unha das súas liñas estratéxicas a prevención e actuación fronte á violencia de xénero. Este compromiso materialízase mediante accións de sensibilización, formación e empoderamento dirixidas á cidadanía, coa finalidade de fomentar relacións igualitarias, detectar situacións de desigualdade e reforzar os factores de protección fronte á violencia machista. Neste marco desenvólvese o obradoiro Con Voz Propia, organizado en colaboración coa Asociación de Mulleres en Igualdade BUMEI, como un espazo de encontro, reflexión e participación dirixido ás mulleres do municipio. A actividade pretende fortalecer a autoestima, favorecer o empoderamento persoal e proporcionar ferramentas para identificar e previr situacións de violencia de xénero, contribuíndo á construción dunha sociedade máis igualitaria e libre de violencias. Anímate a participar! Anótate no departamento de Servizos Sociais (982.55.91.09 / 677.48.94.57)”.


