
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense participou este xoves, 23 de abril, na presentación oficial da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña, unha entidade que nace para impulsar a cooperación e fortalecemento do sector artesán da Mariña, promovendo a súa viabilidade económica, a formación e a innovación. A profesionalización do sector, a través desta asociación, contribuirá a impulsar a promoción e comercialización da artesanía desde o respecto pola tradición e a autenticidade, baixo principios de vinculación co territorio, sostibilidade, ética profesional e contribución ao turismo cultural do xeodestino.
“Esta presentación oficial simboliza a culminación dun proceso que botou a andar no ano 2011 coa creación dun rexistro de artesáns e artesás que tiña como obxectivo situar a este sector como un atractivo turístico da zona. Desde o seu inicio contou co apoio da Mancomunidade de Concellos que, xunto a un grupo comprometido de artesáns e artesás,comezou a construír unha idea que ía máis alá da simple promoción: facer da nosa artesanía unha experiencia viva, auténtica e conectada co territorio. Nos inicios desta agrupación, no contexto do proxecto Alma de Artesanía -máis adiante as Rutas de Artesanía e hoxe en día A Mariña Artesá -impulsáronse estratexias de cooperación e traballo en rede entre a xente da artesanía, como colectivo local singular, e os axentes e actividades turísticas do xeodestino, de cara a manter experiencias vinculadas ao mesmo e reforzar o sentimento de orgullo e pertenza ao territorio. Durante este tempo o proxecto foi evolucionando ata converterse nun produto turístico estruturado e sostible, centrado na experiencia, a identidade local e a participación activa do visitante”, explica a Mancomunidade.
No evento, celebrado no Cenima, participaron a presidenta da Mancomunidade, Rocío López; o alcalde de Foz e deputado da Área de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto; o representante da Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns, Marcelo Scapinachis; e a xefa de área provincial de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez. Tamén asistiu un nutrido grupo de axentes do territorio, desde servizos turísticos e representantes de concellos e asociacións de comerciantes da comarca, ata membros do colectivo recentemente constituído
Na súa intervención Rocío López salientou que “baixo A Mariña Artesá seguimos avanzando e apostando por un modelo turístico sostible, baseado na identidade local, na calidade e na participación. Un modelo que non só atrae visitantes, senón que fortalece o noso tecido produtivo, dignifica o traballo artesanal e reforza o orgullo de pertenza.”
A presidenta da Mancomunidade dixo tamén que “este proxecto é, en definitiva, un exemplo de como a colaboración, a planificación e a visión de futuro poden converter os nosos recursos propios nun motor de desenvolvemento”. Tivo palabras de agradecemento para a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia por apoiar á Mancomunidade a través dos convenios anuais de colaboración en turismo, facendo posible diferentes accións ao longo destes anos, e trasladou a súa máis sincera noraboa á Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns “por dar o paso de constituírse”. Para Rocío López “esta iniciativa demostra compromiso, visión de futuro e vontade de traballar de maneira conxunta polo fortalecemento do sector. Sen dúbida, será unha ferramenta clave para seguir avanzando na defensa, promoción e dignificación da nosa artesanía.” No decurso do acto, a presidenta reiterou “o compromiso da Mancomunidade co sector da artesanía, que se vén materializando a través de diferentes accións que contribuíron a fortalecer e promover o sector artesán da Mariña”. Neste senso Rocío López fixo referencia aos “encontros mantidos tanto co colectivo de artesanía da Mariña para coñecer o sector e máis adiante elaborar o plan de acción, como cos organismos xestores da artesanía de Galicia e da provincia para impulsar a colaboración; o estudo e caracterización da artesanía da Mariña que quedou plasmada nunha declaración de principios dos que saíron os criterios que ordenan o proxecto e con eles o impulso final á Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns;a mellora da imaxe promocional e da difusión e comunicación sobre o produto; e a organización do programa de obradoiros artesanais participativos Obradoiros con Corazón así como de Plans con Corazón”.
A Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña presentada este xoves tivo os seus inicios no grupo motor de artesáns cos que ven traballando estreitamente a Mancomunidade de Concellos desde o ano 2011 e co que se promoveron diferentes iniciativas coas que dar visibilidade ao sector a través de obradoiros e produtos artesáns. Xa no 2018, “coincidindo coa maior dotación de recursos técnicos na Mancomunidade, apostouse pola xestión do produto artesán desde o punto de vista eminentemente turístico, adaptándose ás novas tendencias para a captación de visitantes, dando protagonismo ás rutas, xerando propostas máis interactivas e promovendo a vinculación co territorio. No ano 2023 fíxose unha necesaria reflexión sobre o produto e o camiño a seguir no futuro, tendo en conta a implantación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e a Estratexia e Plan Operativo de Marketing da Mariña Lucense. Froito desta análise o plan de acción enfocouse a fortalecer a artesanía como identidade local e recursos do territorio, poñer en valor o produto A Mariña Artesá e promover a gobernanza dos axentes que traballan co produto. Esta colaboración entre a Mancomunidade de Concellos e o grupo de artesáns da Mariña fixo posible avanzar en múltiples frontes, que deron como resultado a constitución oficial dunha asociación para impulsar e liderar a artesanía local no territorio”.
O presidente da asociación, Marcelo Scapinachis, dixo que o colectivo “aglutina ao 50% dos artesáns da comarca, lembrou os seus inicios e o traballo desenvolvido ata o de agora e apostou por seguir sumando esforzos e proxectos entre todos: administracións, entidades e artesáns”. Tamén animou aos artesáns da comarca a unirse á iniciativa.


