
Este venres, 31 de xullo, tivo lugar a presentación oficial da XII edición do festival Osa do Mar, a cita musical que se celebrará en Burela do 3 ao 6 de setembro. O cartel combina artistas consolidados e novas promesas da escena estatal e galega, con nomes como Depedro, Anxo Ferreira, Éxtasis, Fillas de Casandra, Grande Osso, The Rapants, ou Ortiga, entre outros.
A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que “o Osa do Mar é xa unha cita consolidada no noso calendario” e aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo da Asociación Cultural Fanto Fantini, organizadora do festival, “polo esforzo e a dedicación que cada ano fan posible un evento coma este que contribúe a dinamizar Burela, atraer visitantes e impulsar a música en directo”.
A deputada provincial de Cultura, Iria Castro, tamén participou na presentación do cartel do Osa do Mar de Burela, que e celebrará do 3 ao 6 de setembro en Burela coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, entre outros patrocinadores públicos e privados.
No acto, celebrado na nave de Produart, Diego Campo e Marcos Gueimunde, da Asociación Fanto Fantini, debullaron o programa por días do festival, que reunirá unha vintena de bandas e artistas do panorama galego e estatal.
Iria Castro reafirmou o apoio ao Osa do Mar e incidiu “na aposta da Vicepresidencia da Deputación polos festivais que nacen do tecido asociativo e que ofrecen escenarios para bandas galegas e emerxentes, que tiveron un papel chave na puxanza e no recoñecemento actual dos artistas e bandas galegas”
Este evento conta tamén co patrocinio da Administración autonómica, no marco dos Concertos do Xacobeo e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, felicitou á asociación Fanto Fantini por promover unha nova edición deste encontro, que “xa conta cunha traxectoria consolidada no calendario musical da comunidade”. Salientou que se trata dun festival “próximo ao público e cunha forte presenza de artistas galegos, en liña coa estratexia da Xunta de descentralizar a cultura e amplificar os espazos de exhibición do talento que hai en Galicia”. Ademais resaltou o factor de dinamización económica e cultural de Burela con catro días de programación.
A Xunta anuncia que “o cartel deste ano conta coas artistas e bandas como Fillas de Cassandra, The Rapants, Anxo Ferreira, Depedro, Erik Mackenzie, Grande Osso, Arume, Éxtasis, Kornukopia vs Pandeireteiros do Inferno, Ginebras, West SRK, Xosé Maseda, Juventude, La Milagrosa, Gara Durán, Sobrezero, Rata, Ortiga, Portosanto e Señora DJ”.


