
O Concello de Cervo convida á veciñanza e visitantes a participar nas festas de San Román de Vilaestrofe, que terán lugar no pavillón de deportes da parroquia entre o venres 10 e o domingo 12 de outubro. As celebracións foron presentadas pola tenente de alcaldesa Mali Méndez; polo edil de Zona Rural, Adrián Arias; e por representantes da Comunidade de Montes de Vilaestrofe, entidade organizadora das festas coa colaboración do Concello.
O programa arrinca o venres 10 de outubro ás 23:00 horas cunha verbena amenizada polo grupo Los Key. O sábado 11 celebrarase ás 13:00 horas a misa solemne na honra da Virxe do Carme, cantada polo Coro Parroquial de Cervo; a continuación terá lugar a sesión vermú co grupo Fénix. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas a verbena contará coas actuacións da orquestra Galilea e do grupo Fénix. O domingo 12 de outubro ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na honra da Virxe do Pilar, tamén cantada polo Coro Parroquial de Cervo; e a festa continuará cunha sesión vermú prolongada co dúo Belinda.
Desde o Concello de Cervo animan á cidadanía a achegarse á parroquia para compartir tres xornadas festivas que “representan un momento moi especial para San Román de Vilaestrofe, pois contribúen a manter vivas as súas tradicións, fortalecen os lazos veciñais e consolidan o patrimonio cultural da parroquia e de todo o municipio”.