
A parroquia de Sargadelos, no concello de Cervo, xa se prepara para vivir as tradicionais festas na honra a Santiago Apóstolo, que terán lugar os días 24, 25 e 26 de xullo de 2025. O evento está organizado pola Asociación Amigos da Troula e o Concello de Cervo, que convida a toda a veciñanza e visitantes a participar desta cita festiva, cultural e deportiva.
O programa comeza o xoves 24 de xullo ás 20:00 horas, coa tradicional espetada moura, amenizada polos grupos locais Cordenaia e As Grileiras. Ás 22:00 horas comezará a verbena coa Discomóbil Conxuro e ás 23:00 ofrecerase o concerto de Roi Casal, un dos pratos fortes das festas. A verbena continuará con Conxuro Discomóbil.
O venres 25, Día do Patrón, haberá misa solemne e procesión ás 13:00 horas, seguida dun pasacalles e baile a cargo do grupo tradicional local Fol do Raxal. A sesión vermú e o baile de tarde estarán novamente animados pola Discomóbil Conxuro. Pola noite, a verbena contará co grupo Alma Latina e a actuación de Kike Varela. Ao mediodía serviranse racións de churrasco, a 12 euros, que inclúen porco, criollo, chourizo e pan.
O sábado 26 arrancará cunha actividade deportiva, o Trail Sargadelos, a partir das 10:00 horas acompañado de venda de boliños preñados e empanada. A animación musical correrá a cargo da Discomóbil Olympo. As inscricións están abertas a través da plataforma www.sportmaniacs.com ata o 25 de xullo.