Teatro afeccionado o 16 de decembro en San Cosme de Barreiros con Ardora, que porá en escena “Aire fresco”

En Barreiros continúa o ciclo de teatro afeccionado coa representación de “Aire fresco” a cargo do grupo cervense Ardora Teatro.

Trátase dunha comedia apta para todos os públicos na que o seu autor, Francisco Piñeiro, trata de poñer o foco sobre os problemas comúns, que todos e todas temos na cotiandade, pero tenden a ser invisibilizados tras a crise provocada pola covid.

A representación terá lugar este sábado, 16 de decembro, ás 19.00 no centro sociocultural de San Cosme de Barreiros con entrada de balde ata completar aforo.

O ciclo de teatro está enmarcado no circuíto de teatro afeccionado, que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo puxo en marcha para manter o apoio ás artes escénicas así como ofrecer a asociacións e concellos a posibilidade de ampliar as súas axendas culturais.