
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha unha nova edición de Tradigalu, programa que levará actuacións de grupos de música tradicional, bandas e corais polas distintas comarcas da provincia.
A área de Cultura destina 295.000 euros ao programa que “ten como principal obxectivo promover e difundir a música popular e tradicional, fomentando a súa presenza nas programacións musicais e culturais por todo o territorio da provincia.
A deputada de Cultura, Iria Castro, lembrou que “en 2025 Tradigalu permitiu programar máis de 300 actuacións, consolidándose como unha das principais vías de apoio á actividade de asociacións veciñais e culturais en parroquias e concellos de toda a provincia e tamén un importante soporte para o tecido asociativo da música tradicional, decenas de agrupacións que participan habitualmente no programa, xerando uns recursos que contribúen a manter a súa actividade”.
Nese sentido subliñou que “o programa sitúa a área de Cultura como un dos principais referentes institucionais na promoción da música tradicional, algo que nos enorgullece especialmente e que é froito tamén do traballo realizado en mandatos anteriores desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo”.
As asociacións e colectivos poderán solicitar actuacións desde o 20 de xaneiro, seguindo as indicacións dispoñibles na web cultura.deputacionlugo.gal. A área de Cultura asume o 80 por cento do custo das actuacións. Asociacións e concellos deben aboar aos grupos o 20 por cento restante.
Na confección do calendario de actuacións a área de Cultura da Deputación de Lugo “buscará chegar a todas as comarcas, evitando a concentración en puntos concretos e prestando especial atención á conservación e fomento das tradicións”.


