Xove celebra as festas patronais de San Bartolo e a Virxe do Carme do 28 de agosto ao 1 de setembro

Xove preparase para celebrar as festas patronais na honra a San Bartolo e a Virxe do Carme os días 28, 29, 30 e 31 de agosto e 1 de setembro.

O Concello anuncia que “estas festas son un dos eventos máis destacados do ano en Xove e o pobo prepárase para festexalas cunha variedade de actividades para tódolos gustos e para tódolos públicos”.

“As festas arrancan co pregón a cargo da farmacéutica titular de Xove, Ana María Boñar Rey, o xoves 28 de agosto e pechan o 1 de setembro co día da infancia, onde os menores poderán gozar dos inchables na praza do Concello. No programa das festas destacan principalmente as actuacións infantís polas mañás para deleite dos máis pequenos, a sardiñada popular para desfrutar na compaña de familiares e amigos e  o tradicional festival folclórico da Asociación Cultural Saíñas, que descubrirá novamente a riqueza cultural a través da música e danza tradicional e tendo como grupo invitado a Agrupación Folklórica S´estol Porrerenc, de Mallorca. Nas verbenas  van contar cos grupos Nuevo Plan e América; o musical de La Ocaband Camiñantes e cantantes, con Pili Pampín, Manquiña e Pepo Suevos; as orquestras Pontevedra,  Satélites, Trébol e Gran Parada; e a Disco Móbil Conxuro, para amenizar estas noites de festa en Xove. Como actividades deportivas, o martes 26 de agosto terá lugar o II Torneo San Bartolo de Fútbol Sala, onde se enfrontaran o Xove FS e o Burela FS no pavillón municipal de deportes; e o domingo 31 de agosto no campo de fútbol anexo ao municipal vaise levar a cabo o Torneo Concello de Xove de fútbol, onde se enfrontaran a UD Xove Lago e a UD Folgueiro”, explica o Concello de Xove.

O cartaz  foi presentado por membros da Asociación de Festejos Montevelle (Benigno Canoura, Carlos Cociña, Dalmacio Riveira, Borja Basanta, José Luis Pico e David Galdo), que organiza xunto co Concello de Xove estas festas patronais. En representación do Concello estaban presentes o alcalde, Demetrio Salgueiro; a concelleira de Cultura, María Dolores Meitín; a concelleira de Turismo, Cecilia Duarte; e a concelleira de Deportes, Cristina Iglesias; que agradecen “o gran labor destes compañeiros ao longo de todo o ano para sacar adiante tanto estas festas patronais como a celebración da festa das Fillas de María”.