Xuances, en Xove, recupera as súas festas de San Pedro Fiz, que se celebrarán os días 9 e 10 de agosto

A parroquia de Xuances, no concello de Xove, recupera este ano as súas festas na honra a San Pedro Fiz, que se celebrarán esta fin de semana, días 9 e 10 de agosto.

O Concello de Xove anuncia que “o vindeiro sábado  9 de agosto e o domingo día 10  son as festas na honra a San Pedro Fiz e as inmediacións da praia de Esteiro van formar parte do escenario perfecto para estas festas parroquiais”.

A Asociación de Veciños San Pedro, de Xuances, con Daniel Alonso, José Meitín e Eleodora López como membros da directiva desta comisión organizadora, fixeron a presentación do cartel acompañados polo alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, María Dolores Meitín, invitando aos visitantes e a toda a veciñanza “a pasar uns días de convivencia e diversión garantidas”.

As actividades comezarán o sábado ás 14:00 horas con sesión vermú co grupo Lecer. Ás 20:00 horas haberá festa da empanada e do bolo preñado amenizada polos gaiteiros da asociación Saíñas, de Xove. E na verbena, a partir das 22:30 horas, actuarán o grupo Lecer e o dúo Epo-k. Ás 00:00 horas haberá conxuro da queimada e reparto de balde para todo o público, ata fin de existencias.

E o domingo ás 13:30 horas celebrarase na capela de San Pedro Fiz misa solemne, cantada pola Coral Polifónica de Burela, e procesión. Desde as 14:30 horas haberá sesión vermú prolongada amenizada polo trío Karma.