A Concellería de Cultura de Lourenzá convoca os concursos infantís para o cartel anunciador da Cabalgata dos Reis Magos e de Poesía de Nadal.

A Concellería de Cultura de Lourenzá convoca os concursos infantís para o cartel anunciador da Cabalgata dos Reis Magos e de Poesía de Nadal.
 
A Concellería de Cultura de Lourenzá convoca a segunda edición do concurso infantil para o cartel anunciador da cabalgata dos Reis Magos 2017 e o tradicional certame de poesía de Nadal que organiza a biblioteca pública municipal.
 
O concurso para o cartel da cabalgata dos Reis Magos “vai dirixido ós escolares de educación Infantil e Primaria do municipio. Os traballos deben ser pintados ou decorados con motivos fagan referencia á festividade dos Reis Magos nunha cartolina tamaño folio A-4 e é recomendable que a cor da cartolina non sexa moi escura. No reverso teñen que figurar os datos do participante: nome e apelidos, enderezo e teléfono. Empregarase a lingua galega”, segundo se explica nas bases.
 
O prazo de entrega dos carteis, que se efectuará na biblioteca municipal de Lourenzá, rematará o día 16 de decembro.
 
Nas bases tamén se indica: “establécese un único premio, que consistirá nun lote de material e ou xogos didácticos, que será entregado ao gañador ou gañadora do concurso o día 23 de decembro nun acto público”.
 
O cartel gañador servirá como anunciador do Concello da vindeira cabalgata dos Reis Magos 2017 e quedará como propiedade do Concello de Lourenzá.
 
En canto á fase local do certame de poesía infantil Nadal 2016, hai tres categorías: ata 8 anos de idade, de 9 a 11 anos e de 12 a 16. Nas bases explícase que “cada autor poderá presentar cantos traballos desexe. Os poemas estarán escritos en galego e a súa extensión será como máximo dun folio por unha soa cara. Con cada traballo acompañarase unha folla co nome e demais datos do autor. O prazo de presentación de poemas rematará o 23 de decembro e deben ser entregados na biblioteca pública municipal. Un xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos e os autores elixidos recibirán cadanseu diploma e libros. Os traballos premiados nesta fase local participarán na que convoca a biblioteca pública provincial de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. O fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro do 2017”.